Florence Griffith Joyner
(1988) | |
Nome orixinal | (en) Florence Delorez Griffith |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 21 de decembro de 1959 Os Ánxeles, Estados Unidos de América |
Morte | 21 de setembro de 1998 (38 anos) Mission Viejo, Estados Unidos de América (pt) |
Causa da morte | Epilepsia |
Grupo étnico | Afroamericano |
Educación | Cal State University, Northridge (pt) Universidade de California, Os Ánxeles Jordan High School (en) |
Altura | 1,7 m |
Peso | 57 kg |
Actividade | |
Ocupación | velocista, atleta, deportista |
Período de actividade | - 1988 |
Nacionalidade deportiva | Estados Unidos de América |
Deporte | atletismo |
Disciplina deportiva | carreira de velocidade |
Participou en | |
1988 | Xogos Olímpicos de 1988 |
1984 | Xogos Olímpicos de 1984 |
Familia | |
Cónxuxe | Al Joyner |
Premios | |
Descrito pola fonte | Notable Black American Women Great Women Athletes of the 20th Century (en) |
Páxina web | florencegriffithjoyner.com |
Florence Griffith Joyner ou Delorez Florence Griffith-Joyner[1] nada nos Ánxeles (California) o 21 de decembro de 1959 e finada en Misión Viejo (California) o 21 de setembro de 1998, foi unha atleta estadounidense especialista en probas de velocidade, que gañou tres medallas de ouro e unha de prata nos Xogos Olímpicos de Seúl 1988 e bateu as plusmarcas do mundo de 100 e 200 m.[2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Inicios
[editar | editar a fonte]Proveniente dunha familia humilde, empezou desde nena a destacar nas carreiras, nas que gañaba aos mozos da súa idade ou ata maiores. Pese ás súas prometedoras calidades, o atletismo non ofrecía un porvir que resolvese as dificultades económicas da súa familia, polo que ao terminar a secundaria abandonouno para poñerse a traballar.
Todo cambiou cando coñeceu a Bob Kersee, que sería o seu adestrador e que rapidamente viu o seu potencial como velocista de clase mundial. Conseguiulle unha bolsa para estudar na Universidade de California (UCLA), e empezaron a traballar en serio[3].
Rapidamente chegaron os resultados. Florence gañou varios títulos nos Campionatos Universitarios dos Estados Unidos (NCAA), e os seus tempos en 100 e 200 m melloraron substancialmente[3].
Primeiros éxitos
[editar | editar a fonte]En 1983 participou nos I Campionatos do Mundo celebrados en Helsinqui, onde foi 4ª nos 200 m. Ao ano seguinte conseguiu a medalla de prata dos 200 m nos Xogos dos Ánxeles 1984, só superada polo seu compatriota Valerie Brisco-Hooks.
Logo dos Xogos, Griffith casou co tamén atleta Al Joyner, campión olímpico de triplo salto e irmán da atleta Jackie Joyner-Kersee (á súa vez casada con Bob Kersee, adestrador de Florence), e temporalmente apartouse do atletismo. Parecía que isto era unha retirada, mais o mellor estaba por chegar.
Coa vista posta nos Xogos Olímpicos de 1988, Florence reapareceu nos Mundiais de Roma en 1987, onde volveu acabar segunda nos 200 m, esta vez superada pola alemá Silke Gladisch. Ademais gañou unha medalla de ouro nas substitucións 4×100 m.[4]
1988
[editar | editar a fonte]O ano seguinte foi o seu grande ano, o ano das plusmarcas mundiais e dos Xogos Olímpicos de Seúl 1988. Nos trials de Indianápolis, clasificatorios para os Xogos, correu os 100 m nuns asombrosos 10,49 segundos, unha plusmarca do mundo que pulverizaba a anterior de 10,76 que tiña Evelyn Ashford, e que aínda hoxe continúa sendo case inalcanzable para calquera atleta feminina.[5]
Xa nos Xogos de Seúl, a súa actuación foi realmente memorable, gañando as medallas de ouro en 100 m, 200 m e substitucións 4×100 m, ademais dunha prata nas substitucións 4×400 m. É salientalbe que na proba de 200 m, bateu por dúas veces a plusmarca mundial, unha en semifinais e outra na final, sendo os 21,34 desta última a actual plusmarca mundial da proba.[6]
Logo dos Xogos
[editar | editar a fonte]Pouco logo dos Xogos Olímpicos, con 29 anos e na cúspide da súa carreira, anunciou a súa retirada das pistas. Convertida no ídolo dos medios do momento, dedicouse á publicidade, promocionando toda clase de produtos. Tivo a súa propia liña de roupa, e ata sacaron unha boneca chamada Flo-Jo.
Morreu de forma sorprendente o 21 de setembro de 1998, con 38 anos, vítima dunha apoplexía cerebral.[1]
Legado
[editar | editar a fonte]Florence Griffith é recordada sobre todo por dúas cousas. Primeiro pola súa imaxe aparatosa, cunhas roupas e maquillaxes espectaculares que a facían inconfundible nas pistas de atletismo, destacando por encima de todo as súas longas e decoradas uñas. Isto contribuíu a aumentar a súa popularidade e a realzar os seus impresionantes logros deportivos.
En segundo lugar, recórdase polas sospeitas en torno ás súas portentosas calidades e o posible uso de métodos ilícitos para aumentar o seu rendemento, unhas sospeitas que tiñan como base o propio aspecto hipermusculado de Florence, que ademais se incrementou de forma notable en moi pouco tempo e o seu prematuro retiro da actividade deportiva. A isto sumouse por esa mesma época o escándalo desatado polo caso Ben Johnson, e o crecente interese dos medios de comunicación polos temas relacionados coa dopaxe.[1]
Neste sentido a súa repentina morte aos 38 anos reactivou a polémica en torno ás causas que a provocaron, posiblemente relacionadas cos produtos consumidos na súa etapa como atleta. Algúns catalogan os seus récords no atletismo de velocidade, como un dos grandes escándalos da historia da dopaxe, aínda que nunca se atopase proba diso. Resulta bastante incrible como as súas marcas non puideron ser batidas nin ninguén se achegou a elas, marcas que conseguiu espectacularmente en Seúl 88, cando ela mesma nunca fixera nada semellante, para logo anunciar a súa retirada repentina, nada máis finalizar este evento, o que encheu de estrañeza a todos os afeccionados.
Palmarés
[editar | editar a fonte]Atletismo feminino [7] | ||
---|---|---|
Xogos Olímpicos | ||
Prata | Os Ánxeles 1984 | 200 m |
Ouro | Seúl 1988 | 100 m |
Ouro | Seúl 1988 | 200 m |
Ouro | Seúl 1988 | 4×100 m |
Prata | Seúl 1988 | 4×400 m |
Campionatos Mundiais | ||
Ouro | Roma 1987 | 4×100 m |
Prata | Roma 1987 | 200 m |
Competicións
[editar | editar a fonte]- Mundiais de Helsinqui 1983 - 4ª en 200 m (22,46)
- Xogos Olímpicos de Os Ánxeles 1984 - 2ª en 200 m (22,04)
- Mundiais de Roma 1987 - 2ª en 200 m (21,96), 1ª en 4×100 m (41,58)
- Xogos Olímpicos de Seúl 1988 - 1ª en 100 m (10,54w), 1ª en 200 m (21,34), 1ª en 4×100 m (41'98), 2ª en 4×400 m (3:15,51)
Marcas persoais
[editar | editar a fonte]- 100 metros - 10,49 (Indianápolis, 1988). Récord do Mundo
- 200 metros - 21,34 (Seúl, 1988). Récord do Mundo
- 400 metros - 50,89 (Os Ánxeles, 1985)
Plusmarcas do mundo
[editar | editar a fonte]100 metros:
- 10,49 (Indianápolis, 16 Xul 1988)
200 metros:
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Whitaker, Matthew C. (2011). Icons of Black America: Breaking Barriers and Crossing Boundaries, Volume 1 1. ABC-CLIO. p. 520. ISBN 0-313-37642-5.
- ↑ "FloJo: World's Fastest Woman" Arquivado 25 de agosto de 2012 en Wayback Machine., artigo en Sports Illustrated, 1999 (en inglés).
- ↑ 3,0 3,1 "Florence Griffith Joyner - Olympic Dreams", en Jrank.org (en inglés).
- ↑ "Sports People: Track and Field; Atlanta Out for Joyners", artigo no New York Times, 4 de xuño de 1996 (en inglés).
- ↑ "Plus: Track and Field; Official Defends Griffith Joyner", artigo no New York Times, 24 de setembro de 1998 (en inglés).
- ↑ "Flo Jo may abort comeback", artigo en San Francisco Gate, 29 de maio de 1996 (en inglés).
- ↑ Alltime Athletics (en inglés).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Florence Griffith Joyner |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio Oficial (en inglés)
- Nados nos Ánxeles
- Nados en 1959
- Finados en 1998
- Atletas olímpicos dos Estados Unidos de América
- Alumnos da Universidade de California, Os Ánxeles
- Medallistas olímpicos de ouro polos Estados Unidos de América
- Medallistas olímpicos de prata polos Estados Unidos de América
- Atletas nos Xogos Olímpicos de 1984
- Atletas nos Xogos Olímpicos de 1988
- Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1984
- Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1988